Ola luriñas.
Como ben sabedes o luns é un dos días máis importantes do ano.
O 23 de abril celébrase o día do libro, ou sexa que na nosa biblio é festa rachada. Non podía ser doutro xeito!
E para festexalo por todo o alto, teño preparada tremendas sorpresas para vós.
Polo de agora, só vou falar da primeira:
Imos facer un concurso de booktubers!!
- Que dixo?
- Que imos facer iogures!!
- E que terá que ver unha cousa coa outra?
Que noooooon, deixade de enredar e atendede:
@s booktubers son persoas ás que lle encanta a lectura e gozan recomendando libros e compartindo a súa opinión sobre eles.
Para eso gravan vídeos e súbenos ás redes sociais.
Así, resto de usuarias podemos coñecer máis estas obras e orientarnos á hora de elixir as nosas vindeiras lecturas.
Calquera persoa pode facelo, dende nenos e nenas de infantil ata os avós e avoas.
Mirade algúns exemplos do que atopamos na rede:
A que o fan xenial @s amig@s da escola de Milladoiro de Malpica?
Pois agora que xa sabedes no que consiste, imos coas
BASES DO CONCURSO
- Poden participar todos os nenos e nenas de Infantil e Primaria do cole.
- A participación é voluntaria e pode ser individual ou por parellas.
- Podedes gravar o vídeo na vosa casa (ou no parque, na praia, no teu recuncho favorito....) cun teléfono móbil, tablet, cámara... e coa colaboración da familia e amig@s.
- Se o preferides, gravádeo na biblio. Aquí teredes á vosa disposición todo o necesario para facelo. Achegádevos no recreo, polas tardes ou no horario do equipo da biblio (poremos unha copia en cada clase para que saibades cando podedes baixar).
- @s profes tamén poden propoñer esta actividade na aula se así o desexan.
- Cada alumn@ pode presentar un máximo de dous vídeos.
- Os vídeos durarán como máximo dous minutos.
- Cando o teñades listo, debedes mandalo ao enderezo electrónico abibliodeestrela@gmail.com ou entregalo na biblio nun pincho.
- O prazo para envialos comeza o día 23 de abril e remata o 4 de maio.
- Os vídeos máis xeitosos serán publicados no blog.
E agora, vouvos dar unhas recomendacións para que vos saia unha obra mestra:
- Elixide o libro sobre o que querede falar.
- Decidide o que ides dicir antes de empezar a gravar. Axudaravos se preparades un pequeno guión.
- Comezade presentándovos: dicide o voso nome, idade e curso.
- Logo presentade o libro: o título, a autoría e aqueles datos que consideredes importantes
- Contade un pouco de que se trata. Pero ollo! Non digades demasiado para non desvelar toda a historia.
- Faládenos dos personaxes e explicádenos cales son os vosos favoritos, os que vos gustan menos, os máis curiosos.... e por que.
- Agora é o momento de que nos deades a vosa opinión sobre o libro.
- Rematade indicando para que tipo de lector/a o recomendaríades (idade, gustos....)
- Non esquezas darlle o voso toque persoal. Sede naturais, con eso non podedes fallar.
- Lembrade mirar a cámara e falar con calma e claridade.
Veña. Estou ansiosa por recibir os vosos vídeos!!!!!
Bicos booktubeiros.
ESTRELA
Ningún comentario:
Publicar un comentario