martes, 25 de xuño de 2019

Por se non o sabías... na biblio pasan cousas todos os días

Chegou o solsticio de verán e con el un cambio de ciclo.

Remata o cole, empezan as vacacións e, malia que estamos contentas da vida de ter tempo para troulear, tamén sentimos certa morriña pola despedida.

Toca facer balance do ano. 

Aquí tendes a da biblio, que vos parece?



Disfrutemos do verán, merecémolo!

Bicos morriñentos.

ESTRELA

xoves, 20 de xuño de 2019

Radio Estrela na I Feira do Libro de Cambados

Estes días celébrase en Cambados a I Feira do Libro.



Dende o Concello invitáronnos a participar e nós nunca perdemos unha boa festa!


Alá montamos no autobús e baixamos ao Paseo da Calzada este xoves.



Xa sabedes, minchiñas, o cinto SEMPRE posto!

Estábannos agardando unha boa chea de sorpresas!


O Festivaliño:  un pequeno festival de curtas de cine nunha caravana superchusquiña.



Non imaxinades a cantidade de rapazada que cabe aí dentro!

Goza coa maxia de ler: o mago David deixounos literalmente coa boca aberta! Menos mal que non había moitas moscas na Calzada...


Aplaudimos ata poñer as mans vermellas, que trucos máis alucinantes!



É ciencia? Non! É maxia!!

Pero nós somos persoas (e peixe) ben educadiñas, nunca imos aos sitios onde nos convidan coas mans baldeiras.


Tamén quixemos contribuir á festa realizando un programa especial de radio. 

Fixemos uns paquetiños cos equipos técnicos e montámolos no stand da Biblioteca Luís Rei. Que sitio mellor?


Así de feituco quedou o noso set.

Comezamos o noso programa especial entrevistando a dúas libreiras: Lola, de Aenea e a Veva, de Contos.

Que mulleres tan interesantes! E canto nos gusta o seu traballo!



Despois, convidamos ás persoas asistentes a que compartiran con nós as súas impresións sobre a lectura e a feira.



Pitusa Cabanillas respostounos moi amablemente.


A nosa unidade móbil a pé de rúa.

E rematamos cun programa de recomendacións lectoras que non podedes perder.





Agardabamos poder entrevistar a Fátima Abal, a alcaldesa da nosa vila (unha grande lectora polo que temos escoitado), pero a súa apretada axenda institucional non o fixo posible.


Aínda así, Fátima non quería quedar sen participar no programa especial e visitou o noso estudo da biblio esta mañá.




Pois si, a nosa alcaldesa deixounos claro que é apaixonada da lectura.

Como vedes, a Feira do Libro é un evento interesantísimo ao que non podedes faltar esta fin de semana.

Encontros con escritoras e escritores, actividades, venta de libros...


Actividades para hoxe e mañá

Pronto publicaremos o programa especial para que o gocedes. Atent@s!


Bicos feirantes.



ESTRELA

mércores, 5 de xuño de 2019

Coñeces DÁLLE QUE DÁLLE?

Ola, quenlliñas.

Aínda non viñestes a Dálle que dálle?


Pois entón non coñecedes o espazo da biblio deseñado para aprender argallando.

Nel podedes atopar unha boa ristra de xogos e actividades para pasalo ben dándolle ao miolo.



E se non sabedes xogar, non pasa nada. A rapazada de cuarto está preparando unhas fichas de xogos e uns vídeotitoriais para que aprendades nun instantiño.

En cada ficha poderás atopar un código QR que che levará ao vídeo.

Aquí vai o primeiro xogo.





 A que agardas?

Ven a xogar!


Bicos fedelleiros

ESTRELA


martes, 4 de xuño de 2019

Visitounos Diego Cordeiro, cociñeiro


Hoxe estivo con todos os nenos/as do cole e máis os nenos/as da escola da Modia o cociñeiro de paradores Diego Cordeiro, gañador dúas veces consecutivas do premio “Tapas de Paradores”.

Como o noso proxecto de centro está adicado á horta, quixo facer para nós dous pratos nos que os ingredientes principais foran froitas ou verduras.

Preparounos Biscoito de remolacha espumoso e Licuado de verduras e froitas.



Ademais de cociñar explicounos cómo era o seu traballo, dende os utensilios que empregaba ata a hixiene precisa na elaboración culinaria que calquer cociñeiro debe ter presente.


Finalmente, fixémoslle una entrevista na radio  da que disfrutou motísimo.


Podedes escoitar a entrevista neste enlace



E para rematar… quixemos agasallalo cun pequeño detalle feito por todos os nenos/as, un gorro de cociñeiro firmado por cada un de nós!!!



martes, 7 de maio de 2019

O padriño veu traernos a rosca.

Ola, augamares.

A pasada semana veu visitarnos de novo o noso padriño radiofónico, Javier Prado.

Que alegría sempre recibilo!!

Como sabedes Javier é culpable da nosa radiomanía.

Dende a primeira vez que veu á nosa biblio cos seus tranganillos electrónicos e coas súas fantásticas ideas, xa estivemos perdidiñ@s. Non paramos ata poñer en marcha Radio Estrela!!

Dende aquela, voltou de cando en vez a ver como ía o asunto e a axudarnos ás profes en todo o que necesitamos.

Pero nesta ocasión foi co alumnado de cuarto con quen traballou. E non viña só. Acompañábao Cristina Corral, poeta e xornalista, que sabe todos os trucos para facer boa radio.

Ademais, xunto con Javier e Luís forma REDE ESPORA.

Fixeron exercicios coa voz, falaron de como funciona unha radio a través de internet e, cando xa estaba en marcha a cousa, Javier propúxolles un reto:

Cada grupo debía producir un programa de pé a pá antes de que rematara a xornada.

E como as nenas e nenos de cuarto non lle teñen medo a nada, alá se puxeron.

Título e estrutura do programa, sintonía,  investigación, guión, escaleta, reparto de roles, gravación e edición. Sen tempo para tomar folgos.

Retos a nós!, dixeron chulit@s . Se ata nos sobrou tempo!

Aquí tendes unha fotos da produtiva xornada.







Bicos afillados

ESTRELA


Leme, profe 2019. Poesía e máis poesía.

Que día do libro nin que día do libro!!

O libro merece, cando menos, unha semaniña enteira!!

Por iso, este ano reeditamos unha das nosas actividades favoritas: leme, profe.

De novo todo o cole voltou saír ao patio, desta volta para compartir poesía.

@s prof@s prepararon recitais poéticos para as nenas e nenos.

Pero a rapazada pronto se rebelou. Tamén querían recitar!!!

E así pasamos unhas horas de ler moi especiais.






Xa nos tarda unha nova edición!

Bicos rapsodas.

ESTRELA

Visitounos a cociñeira Rocío Garrído.

O pasado mércores 24 de abril a cociñeira Rocío Garrido Caramés visitou o noso colexio para facer un obradoiro co alumnado de Infantil.

Dende primeira hora da mañá os corredores do cole eran un ir e vir de arrecendos deliciosos.

A xornada comezou cunha cata a cegas. 

As nenas e nenos tiveron que adiviñar cos ollos tapados de que alimentos se trataban.

Será chocolate? Será brócoli?

A continuación fixeron unhas trufas de chocolate. 


Hummmm. Para chuchar nos dedos!

Vós tamén podedes facelas, porque a receita está recollida no libro "Receitas pequerrechas", da nosa ilustre invitada (si, siiiii, está na nosa biblio).

E por último, Andrés, Estela e Laura, xornalistas infantís, fixéronlle unha entrevista en Radio Estrela.

Noraboa, berberech@s, que interesante!

Non podedes perdela!



Bicos ghulicheiros.

ESTRELA

martes, 23 de abril de 2019

Día do libro 2019. Atención, booktubers... recuncamos!!

Ola marraxiñ@s.

E chegou o día. E chegou a romaría.

Que pasa de importante o 23 de abril?

Pois que é o día do libro, claro que si! 

E para celebralo, e despois do éxito boureante do noso 


concurso de booktubers 

do ano pasado, pois non me queda outro remedio que convocar a 


II edición.

Imos aló!

Para animarvos, inspirarvos e darvos pulo, invítovos a que entredes de novo na páxina onde están aloxados os vídeos finalistas da I edición.

Son fantásticos e encheranvos de enerxía creadora.

Premede no logo para velos.




Agora que as ideas xa vos rebulen no miolo, imos ver as 


BASES DO CONCURSO

1. Podedes voltar a participar todos os nenos e nenas de Infantil e Primaria do cole, e agora tamén as familias e profes!.

2. Os vídeos deberán feitos en galego.

3. A participación é voluntaria e pode ser individual ou por parellas.

4. Os libros que presentedes poden ser de calquera temática e formato (narrativa, poesía, banda deseñada, divulgativos...) orientados ao público infantil e xuvenil.

5. Podedes gravar o vídeo...
  • na casa (ou no parque, na praia, no voso recuncho favorito....) cun teléfono móbil, tablet, cámara... e coa colaboración da familia e amig@s.
  • na biblio. Aquí teredes á vosa disposición todo o necesario para facelo. Achegádevos no recreo, polas tardes ou no horario do equipo da biblio (poremos unha copia en cada clase para que saibades cando podedes baixar).
  • Na aula, se as profes desexan propoñer esta actividade.

6. Cada participante pode presentar un máximo de dous vídeos.

7. Os vídeos durarán como máximo tres minutos.

8. Cando o teñades listo, debedes mandalo ao enderezo electrónico abibliodeestrela@gmail.com ou entregalo na biblio nun pendrive.

9. O prazo para envialos comeza o día 24 de abril e remata o 31 de maio.

10. Os vídeos máis xeitosos serán publicados no blog.



Para rematar, recórdovos uns trucos para que vos saia unha obra mestra:
  • Elixide o libro sobre o que querede falar.
  • Decidide o que ides dicir antes de empezar a gravar. Axudaravos se preparades un pequeno guión.
  • Comezade presentándovos: dicide o voso nome, idade e curso.
  • Logo presentade o libro: o título, a autoría e aqueles datos que consideredes importantes. Se é un libro da biblio, indicade onde podemos topalo.
  • Contade un pouco de que se trata. Pero ollo! Non digades demasiado para non desvelar toda a historia.
  • Faládenos dos personaxes e explicádenos cales son os vosos favoritos, os que vos gustan menos, os máis curiosos.... e por que.
  • Agora é o momento de que nos deades a vosa opinión sobre o libro.
  • Rematade indicando para que tipo de lector/a o recomendaríades (idade, gustos....)
  • Non esquezas darlle o voso toque persoal. Sede naturais, con eso non podedes fallar.
  • Lembrade mirar a cámara e falar con calma e claridade.
Veña. Estou ansiosa por recibir os vosos vídeos!!!!!

Bicos booktubeiros.

ESTRELA

sábado, 20 de abril de 2019

Como (raio) é isto de facer un programa de radio.

- Ou sexa que agora andades a voltas coa andrómena esa da radio...

- Pois si, claro que si. Pasámolo bomba e aprendemos unha morea de cousas.

- Unha morea de cousas falando pola radio? Non sei eu...

- Pero ti que pensas, que facer un programa é poñerse diante do micro e dicir calquera cousa, así, ás tolas?

- Pois non sei, nunca fixen un, pero dáme que isto da radio é un pouco trapallada.

- Ai, si! Para falar, primeiro tés que saber o que vas a dicir: investigar sobre o tema do programa, redactar un guión, facer unha escaleta.

-Ah, bueno, visto así...

- E despois tés que falar con claridade, a unha velocidade axeitada, entonando... non che é unha broma!

-Ah, tampouco pensara niso...

- Pois para que termines de convencerte, mira este vídeo sobre a gravación dos cinco capítulos de "Pequenos xestos, grandes logros", o programa sobre consellos para coidar o medio ambiente que fixo a rapazada de cuarto, no seu proxecto de ciencias.

Aí che vai!


Xa me contarás se o tema da radio da biblio de Vilariño é unha andrómena ou unha idea macanuda!

E se queres escoitalos.... entra en Radio Estrela!


 



Bicos logrados


ESTRELA

venres, 19 de abril de 2019

A delincuencia organizada ameaza a Horta de Vilariño.

Así como ledes, caramuxiñ@s.

A sona que está acadando a Horta de Vilariño tenvos as súas cousas boas, pero tamén tráenos algunha que outra rompedura de cabeza.

Atraíd@s pola calidade dos nosos produtos ecolóxicos, delincuentes de distintas bandas organizadas axexan agardando o mellor momento para atacar e papalos sen deixar nin a probiña.

Pero non vos preocupedes, o alumnado de terceiro tenos ben fichados. Menud@s son est@s raparig@s. Non se lles escapa unha!

Queredes ver as fichas?

Pois entrade en EcoVilariño premendo na imaxe!

Alí téndelas todas!



Bicos organizados


ESTRELA

Mes da ilustración. E así foi

Xaneiro é o mes adicado á ilustración e ás/ós ilustradoras/es.

Este ano na biblio quixemos celebralo por todo o alto invitando a catro artistas a visitarnos.

Como xa vai sendo norma este curso, máis que ser en xaneiro... foi un pouco cando lle cadrou, pero que máis dá!

As persoas que ilustran fannos gozar tanto co seu traballo que ben merecen ser celebradas o ano enteiro!

Moito proveito tiramos das súas visitas. 

Xa temos unha boa canteira á vista.

Mirade, mirade.
María, de 3º, fixo este dragón. Cal dos nosos visitantes inspiraríaa máis?

Ademáis, o alumnado de terceiro fixo unha crónica chulísima de ver e de ler de cada unha das visitas.

Queredes comprobar que non esaxero?

Pois pinchade na imaxe e abraiádevos.


Xa iremos contando máis cousas do que deron de si as visitas.

Bicos ilustrados.

ESTRELA

xoves, 11 de abril de 2019

EcoVilariño, a web que coida do noso... para coidar o de todas e todos.


Ola, caramechiñas.

Xa temos en marcha a Web do proxecto


COIDAMOS DO NOSO... PARA COIDAR O DE TODAS E TODOS



Nela atoparedes o froito das nosas investigacións sobre a horta, as árbores do patio, a compostaxe, a reciclaxe, o aforro de enerxía...

Calendario agrícola elaborado coa axuda das familias de 3º e 4º para que saibades cando baixar o lombo para obter as vosas hortalizas favoritas
  
Tamén atoparedes fichas sobre cada produto.

O alumnado de 4º, expert@s composteir@s, explícannos todos os seus segredos.

Xa temos moitos contidos e irémolos ampliando.

Entrade e fedellade! Pasarásevos o tempo voando e aprenderedes unha morea de cousas interesantes!

Só tendes que premer neste enlace, que tamén atoparedes no lateral dereito do blog.

Ecobicos,


ESTRELA

venres, 5 de abril de 2019

Boletín express: "As ovellas atacan a horta de Vilariño"

        Un suceso inesperado deixa ao alumnado do cole conmocionado... se queres saber a razón, pica na imaxe para abrir a ligazón. 


xoves, 7 de marzo de 2019

8 de marzo. Eu tamén paro

Ola fanequiñas.

Mañá, día da Internacional da Muller, eu tamén secundo a folga.

A biblio non funcionará en horario de mañá.

Por min e por todas as miñas compañeiras,



Lembrade que ás 12:00 h. haberá concentración e lectura de manifesto na praza do Concello de Cambados.

Bicos feministas.


ESTRELA

domingo, 17 de febreiro de 2019

Radio Estrela. Os programas ben ordenadiños.

Ola, troitiñ@s.

Dende que empezou a funcionar a nosa Radio Estrela xa producimos unha morea de programas.

Para telos todos ordenadiños por temas e datas, inaguramos a nosa 



Como podemos acceder a ela?

Pois moi doado, clica no logo que está aloxado aí na dereita da pantalla.

Aquí vedes o logo de Radio Estrela. Clicade nel para entrar na web.

Tamén podedes clicar no logo de Ivoox se preferides acceder aos contidos  a través desta aplicación. 

Así veredes os programas en Ivoox.
E así de chula aparece a portada da nova web.


Navegando a través dos botóns e do panel superior podedes atopar todos os programas clasificados.

Buscade os vosos favoritos.



E so tendes que premer no reprodutor para gozalos



A que agardades para entrar?!

Bicos redeiros

ESTRELA

xoves, 14 de febreiro de 2019

Cita a cegas 2019: Namórate dun libro!!

Ola, piardiñas.

Hoxe, 14 de febreiro, é o día de san Valentín. O día das namorad@s, disque.




E como o imos celebrar na biblio?

Pois tendo unha cita cos nosos máis grandes amores! Os libros!

Propóñovos o seguinte:


Imos organizar unha cita a cegas


Un encontro inesperado cun libro que nos namorará.

Como nos organizamos?



1. NA ENTRADA DA BIBLIOTECA ESTANVOS ESPERANDO DUCIAS DE LIBROS ENVOLTOS PARA MANTER A SÚA IDENTIDADE EN SEGREDO.



2.  AS CORES DO ENVOLTORIO CORRESPÓNDENSE COA IDADE D@S LECTOR@S.

VERMELLO: primeir@s lector@s.  
  
VERDE: lector@s autónom@s 

AMARELO: grandes lector@s


3.  ESCOLLEREDES O VOSO LIBRO SEGUINDO OS PÁLPITOS DO CORAZÓN, A DIRECCIÓN DO VENTO, A POSICIÓN DO SOL NO FIRMAMENTO… OU SEGÚN SE É MÁIS GROSO OU MÁIS FINO…. QUE NOS COÑECEMOS!

4. FACEMOS O PRÉSTAMO NO ORDENADOR DE XESTIÓN.

5. E XA PODEMOS LEVALO!

6. DAMOS O MELLOR DE NÓS NESTA CITA, LENDO O LIBRO CO MAIOR INTERESE E CARIÑO (MALO SERÁ QUE NON NOS GUSTE. E SE ASÍ PASA, SEGURO QUE TEMOS MÁIS SORTE NA VINDEIRA CITA).

7. É IMPORTANTE QUE CONSERVEMOS O ENVOLTORIO DURANTE O PRÉSTAMO E QUE  DEVOLVAMOS O LIBRO ENVOLTO. ASÍ SEGUIMOS MANTENDO O MISTERIO E CONTRIBUIMOS A NON ESTRAGAR OS NOSOS RECURSOS.

8.   LUGAR DE ENCONTRO: A BIBLIOTECA.

9. DÍA E HORA: RECREOS E TARDES (AGÁS MARTES) A PARTIR DE HOXE.


ACUDIDE Á CITA!!! 

(NON ME IREDES DEIXAR PLANTADA…)

BICOS CEGATOS


ESTRELA