mércores, 20 de decembro de 2017

Recomendacións lectoras para este nadal

Aquí tendes quentiño o último boletín de recomendacións para o nadal.

podedes acceder a el pinchando aquí

e tamén lendo o código qr que aparece nas entradas do festival de nadal

mirade que feitucas quedaron.

Boas lecturas e boas vacacións!!!

luns, 18 de decembro de 2017

Bos días peixiños!

Por se non o sabiades, no noso cole temos uns alumnos e alumnas moooooooi curiosos, e ademáis encántalles ter a todo o mundo informado de todo o que acontece no noso cole.

O outro día, co temporal de vento que houbo a fin de semana pasada, sucedeu algo moi importante no noso centro. Se queredes saber o que pasou, mirade este noticieiro express, onde algúns alumnos de terceiro vanvos informar con todo luxo de detalles.
Teñen boa madeira de periodistas, porque eles sós encargáronse de investigar o que sucedeu, redactar a noticia e mesmo de gravala. Apuntan boas maneiras!

Bicos ventosos

Estrela

domingo, 17 de decembro de 2017

Ningún libro só este nadal!

Ola bicudiñ@s.

Vós tamén notades un arrecendo especial no aire? Unha luz máis fermosa no horizonte?
Ahhhhhhh, non hai dúbida, achéganse as vacacións.

O vindeiro xoves viredes ao cole por derradeira vez e este ano e logo... días e días de durmir ata as tantas, comer ghulichadas e apampar mirando dende a fiestra como chove.

O cole estará escuro e frío ata a vosa volta. E na biblio, os nosos queridos libros quedarán sós.

Abirriranse nos seus andeis e expositores e botarán en falta a vosa visita, o voso barullo e a vosa cara de abraio cada vez de que abrides as súas páxinas.

Que vos parece se facemos unha cousa ???!!!

E se cada un/unha de vós leva para casa este nadal tres libros para ler en vacacións?

Así eles estarán quentiños e contentos nas vosas mans e vós facedes algo fascinante en toooooodo este tempo libre do que gozaredes: 
ler

A que é unha idea xenial????

Podemos chamarlle

NINGÚN LIBRO SÓ ESTE NADAL.

Enviareivos a cada clase un horario de préstamo para cada aula, así organizarémonos mellor.

lembrade: hai ducias de novidades agardándovos nos expositores. E libros, música e pelis marabillosas nos andeis.

Agárdovos.
Bicos acolledores

ESTRELA

xoves, 14 de decembro de 2017

Proxecto Comedor: e gañamos!

Marabilla soa! 

Onte  algo adiantaba a prensa, xa anda na boca da xente... pero ben sabemos que ningunha nova do cole pode darse por certa e contrastada ata que aparece no noso blog!

O proxecto comedor gañador na súa categoría do IV Concurso de Traballos por Proxectos!!!!


VIVA! VIVA! VIVA!



Pono aí ben clariño: Proxecto Comedor, gañador na categoría de proxectos de aula!!!

Estamos inmensamente felices por este recoñecemento que nos dá azos para seguir traballando e aprendendo.
E os cartiños.... vannos vir de pinga para mellorar a biblio e emprender novos retos!!!


Como viviron a nova @s protagonistas???
Queredes sabelo?



E aquel@s que aínda non entran no blog da biblio (a que raio esperarán???!!!), tamén poden informarse no taboleiro de novas do cole.





Bicos fachendosos:


ESTRELA


PD. Se tendes curiosidade por saber como son por dentro o Proxecto Comedor e o resto de proxectos gañadores, podedes pinchar aquí e seleccionar no enlace que máis vos encha o ollo.
Gozade do bo facer das bibliotecas escolares do ensino público galego!




martes, 5 de decembro de 2017

Proxecto Comedor: mandamos facer un recadiño en Compostela

ACTO I

RIIIIIIIING RIIIIIIING

Si? Diga?

Ola, bos días. É aí a clase de segundo?

Ah, non. Equivocouse vostede de número.

Como? Peroperoperoooo, non son vostedes @s do Proxecto Comedor?

Ah, si! Pero iso foi o ano pasado. Xa estamos en terceiro. Este curso tanto investigamos sobre o universo como sobre os hábitos de lectura no cole.
E encargámonos do composteiro.
Somos xente inqueda, non nos gusta encasillarnos.

- Vaaaaale, vaaaale. Pois mire, chamámoslles da Asesoría de BibliotecasEscolares de Galicia porque seguimos moi de preto o seu Proxecto Comedor e rechiflounos.
Proximamente vai haber un encontro de moooooooit@s mestr@s en Compostela . Queríamos que viñeran a explicarlles o seu traballo. Seguro que lles dán moitas e moi boas ideas.


Cartaz das VIII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia
Que ben! Pois alí estaremos!!! Cando é?

- O vindeiro día 2 de decembro pola mañá.

Pois conte con nós. Explicamos de marabilla.

- Xa o sabemos, por eso @s chamamos.
  

Acto II

(…)

Que boa noticia! E cando che dixo que tiñamos que ir?

O dous de decembro.

E eso en que día cae? Mira aí no calendario.

Raios! É un sábado!

- Un sáaaabado?

- Lóstregos de Brest! Non pode ser!

Eu non podo!! Teño o campionato do mundo de ximnasia!

- E eu unha reunión en Silicon Valley para amosarlles o meu último prototipo de superordenador!

- Eu non quero madrugar o sábado!


- Eu quero dar conta das novidades que collín na biblio!

- E agora que facemos, xa lles dixen que si!

- Hummm... Que non cunda pánico. Ocórreseme unha idea....
Sei de dúas ás que podemos liar. Seguro que non teñen nada mellor que facer un sábado pola mañá.

- Pero farano ben?

- Máis lles vale.


ACTO III

Temos que falar...



ACTO IV

As profes Bea e Silvia participando como ponentes nas VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia


- Buuuuufff. Por fin rematou, Silvia. Pasámolo ben, pero que peso quitamos de enriba. Canta responsabilidade!

- Rematou? Ti espera ao interrogatorio que nos agarda o luns na biblio.  

- 😓





luns, 4 de decembro de 2017

Bos días peixiños!
Non sei vós, pero eu hoxe notei un frrrrrío...Seica hai unha ola de frío polar, así que eu xa puxen o gorro e a bufanda, que no fondo do mar tamén se collen gripes, eh?
Pois con este frío, non o ides crer, pero os nenos e nenas de Primeiro e Segundo tiveron a sorte de desfrutar no cole dun taller de xeados. Si, si, escoitáchedes ben, de xeados!
Resulta que este ano, Cambados é Cidade Europea do Viño (aínda que seguro que eso xa o sabiades), e por iso o Concello organizounos no cole hai uns días un taller de xeados...de viño albariño! Tranquiiiiiilos, que xa nos explicaron as organizadoras (unhas rapazas encantadoras da confitería Montse) que non tiñan alcohol.
Despois fixeron un xeado de galleta que estaba...riquiiiiiiisimo! E como proba, aquí vos deixamos unha pequena mostra do ben que o pasaron e do deliciosos que estaban os xeados. Non quedaron nin as migas das galletas!
Bicos conxelados

Estrela




























venres, 1 de decembro de 2017

Xogos populares

Bos días!
Aquí vos deixamos os titoriais en galego coas explicacións dos xogos populares. Así que xa sabedes...a xogar! 


xoves, 23 de novembro de 2017

A biblio de Estrela, espazo libre de machismo

O vindeiro 25 de novembro loitaremos tamén, coma cada día, contra a violencia machista.

Dende a biblio contribuimos a rematar con este grave problema da nosa sociedade empregando as  armas que  temos: a información, a educación, a reflexión, a convivencia e a igualdade.

Dende hoxe, nenos e nenas, profes e profas, tendes á vosa disposición unha escolma de libros que nos farán pensar moito e que espero inviten ao debate nas aulas e nos fogares.





Tamén vos deixo uns cantos vídeos....


Que é facer algo "como unha nena"?




Roupa de neno, roupa de nena?



As nenas queremos ser princesas?



E lembrade....


Bicos feministas:


ESTRELA

mércores, 15 de novembro de 2017

Semana de xogos populares no cole de Vilariño

O concello de o Grove, préstalle ao colexio de Vilariño 25 xogos populares, dos que podrán disfrutar os alumnos do cole.

Do 13 ao 17 de Novembro, os nenos e nenas, no recreo, terán a oportunidade de xogar a diferentes xogos populares, a esos xogos dos que desfrutaron no seu día as nosas nais e os nosos pais, e por desgraza estamos esquecendo. Os de sexto guiarán ao resto dos cursos: luns aos de infantil, martes aos de 1º e 2º, mércores aos de 3º e 4º e xoves aos de 5º.




Hai xogos de todo o tipo: de memoria como o Xogo das parellas, de puntería como o Xogo do biol, de pensar como o Tangrán, estratexia como o Quebracabezas do tesouro e moitos máis!

O venres, as familias terán unha sesión para desfrutar e xogar cos nenos e nenas, xa que celebramos O Magosto. Estades invitados a vir xogar con nós a partir das doce da mañá. Queremos vervos polo cole!




Cristian e Sara, de 6º curso.


xoves, 2 de novembro de 2017

E así foi o Samaín

Que ben mal o pasamos os días do samaín, foi divertidísimo estarrecedor!
Todo o tempo tiñamos ganas de rir chorar, de troulear berrar e de pasalo bomba sair correndo!

O luns empezou a mostra de cabazas na entrada do cole. O martes, a de comidas arrepiantes, no hall da zona nova.

witch Carmen voaba na súa vasoira dun lado para outro sen parar, dándonos uns sustos de infarto de miocardio.




Mentres tanto, na biblioteca, Beatriz Cicatriz tíñanos preparados xogos cos contos e os seus personaxes.

Fixemos unha busca do tesouro...
Cada equipo tiña que buscar libros cuns personaxes determinados....


E experimentos xenéticos
Inventamos novos personas mesturando as características doutros que escollemos ao chou.



E para rematar, xogamos coas descricións nas que traballamos toda a semana.

Representantes de cada clase describiron un personaxe.

E o público, ben atento, tentaba dibuxala guiándose polas palabras....


E ao final, comprobábamos na pantalla canto se parecía o noso deseño ao orixinal
A guinda das celebracións puxérona as nenas e nenos cantores de 6º que, movendo os esqueletos ao ritmo duns sons de ultratumba, prepararon unha apócema do inferno, cheirenta e noxenta.
Unha delicia para os padales monstruosos.




Aínda non nos recuperamos desta e xa imos cara o magosto! Esto é morrer!
Pois iso, que na biblio pasámolo de morte


Moitas gracias, familias nosas, pola colaboración. Sen vós non poderíamos!!!!

Bicos momificados:

ESTRELA

sábado, 28 de outubro de 2017

Que non morra o conto

Outro ano máis, chega o Samaín.
Os trasnos da biblio traballaron cada noite para deixar todo listo para a festa das tebras.










O luns e o martes da vindeira semana estarán cheos de actividades estarrecedoras....
Non as perdas...!!!!

Ademais, teremos unha busca do tesouro na biblio!!!

Que ben o imos pasar.... digoooo que mal..... ben, vós xa me entendedes!!!!


Bicos caninos.....

ESTRELA

venres, 27 de outubro de 2017

Montamos o composteiro

Bos días a tod@s!

Lembrades que o outro día os nenos e nenas de terceiro atoparon un composteiro grazas a unha dificilísima busca do tesouro? Pois ben, o pasado día 20 de outubro recibiron a visita dos axudantes que precisaban para poñelo en marcha. Así que moi puntuais eles, ás 9:30 da mañá chegaron dous mestres composteiros e dúas técnicas do concello de Cambados. Primero explicáronlles aos nenos que era un composteiro, para que servía, como funcionaba e o que se podía e non se podía botar nel (e non é por presumir, pero eles xa sabían case todo desto, incluso lles ensinaron o seu experimento dun mini-composteiro nunha garrafa de auga!)

  




 Despois foron ao patio e, no lugar que prepararon os operarios do Concello montaron o composteiro. Esta parte encantoulles, porque foi como montar un quebracabezas!





 E por último, para que quedara un bonito recordo deste día, e tamén para coñecer as utilidades do futuro compost que saia do noso novo composteiro, plantaron unha fermosa camelia no patio. Unha máis para a nosa colección!


Foi un día moi especial para todos eles, agora están traballando en explicarlles ás outras aulas do cole como funciona o composteiro e o que se pode e non se pode botar nel.
Seguiremos informando!

Bicos
Estrela