xoves, 31 de maio de 2018

Campaña de axuda ao refuxio. Todo listo!

Xa está todo listo para recoller a vosa axuda para o Refuxio de Animais de Cambados!



A que esperades???

Colaborade!!!

ESTRELA

martes, 29 de maio de 2018

Axudemos ao Refuxio de Animais de Cambados. Homenaxe a María VictoriA MOReno

Gustounos tanto ir ao Refuxio.  

Cremos que fan un labor tan importante. 

Aprendemos tantas cousas boas alí, que queremos voltar.

E non podemos ir coas mans baleiras!

Polo tanto iniciamos a


II Campaña de axuda ao Refuxio de Animais de Cambados.



Que podedes facer?

Pedímosvos que as familias que así o desexedes, enviedes ao cole algún deste material de primeira necesidade.


(Poden ser cousas que teñades na casa e xa non necesitedes).

A recollida comezará este mércores 30 de maio e rematará o luns 11 de xuño.



·         Latas de comida para cans e gatos (calquera idade).
·         Colares isabelinos de distintos tamaños.
·         Mantas, sabas, alfombras, toallas, edredóns …
·         Produtos de limpeza (lexivia, limpacháns, cepillos, vasoiras, recolledores,              xabón, deterxente líquido…)
·         Capachos de distintos tamaños.
·         Colares, correas, bozais
·         Comedeiros (metálicos. Os plásticos duran un suspiro)
·         Camiñas
·         Pipetas
·         Guantes estériles e non estériles
·         Soro fisiolóxico
·         Vendas, esparadrapo, auga osixenada, alcohol…
·         Area para gatos
·         Areneiros
·         Vinagre
·         Champú


TODO É BENVIDO!!!

Amosemos a solidariedade da comunidade do cole de Vilariño!

Bicos ilusionados


ESTRELA

luns, 28 de maio de 2018

Visita ao Refuxio de Animais de Cambados. Homenaxe a María VictoriA MOReno

María Victoria Moreno dicía que non había nada que lle gustara tanto no mundo como poñer escola e estar cos seus "cachorros". Así chamaba aos seus canciños e ao seu alumnado.

Cada día transmitía o amor pola lingua e a literatura, pero tamén por outras cousas importantes na vida como o amor polos animais.

María Victoria non só foi unha marabillosa mestra para xeracións de cachorros, tamén é unha inspiración moi grande para outras mestras e mestres que aman o seu traballo.

Na escola de Vilariño, como sabedes, pensamos que hai aprendizaxes imprescindibles para a vida que temos que ir buscar fóra da escola e por eso non dubidamos en saír buscalas alá onde se atopen.

Hai uns días puxemos rumbo á parroquia de Corvillón onde se ubica, dende hai moitos anos,  o Refuxio de Animais de Cambados.

Co seu tempo, adicación, esforzo e cariño tentan remediar dalgún xeito a falla de responsabilidade dalgúns/has human@s que abandonan aos seus compañeiros peludos, non lles dan o bo trato que merecen ou non controlan as camadas das súas cadelas.

Case a diario reciben novos habitantes que, na meirande parte das ocasións, chegan cheos de feridas no corpo, tristes, desconcertados. Pero Olga e o seu equipo poñen todo da súa parte para sanalos e buscarlles un novo fogar.

Foi un día moi especial. Aportounos moitas sensacións, agradables e non tanto. E deu pé a grandes reflexión por parte d@s nos@s cachorr@s, @s de Vilariño.

Que gran traballo fixeron ese día! Que orgullosa estou deles!

Coma sempre.

Aquí déixovos un vídeo para que saibades como foi a xornada. Védeo ata o final! Ten sorpresa!

Gozádeo

video visita refuxio 2018 2 vimeo from biblio estrela on Vimeo.

Bicos caninos


ESTRELA

martes, 15 de maio de 2018

Letras Galegas 2018. Canto queremos a Maria Victoria Moreno.


Vilariño 10 de maio de 2018

Ola orelliñas de mar!!

Que contenta estou! As miñas escamas relocen de felicidade!!

Xa arrecende a Día das Letras Galegas!!

Todos os anos é unha ledicia celebrar a nosa literatura, pero este ano.. este ano… é tan especial!

Por que?

Porque é o ano de María Victoria Moreno!!!!!

Viva! Viva! Viva!

Son moitos os motivos para aledarse: por fin a Real Academia decide homenaxear a unha muller! Só catro foron as elixidas en cincuenta e oito anos. Non vos parece unha barbaridade??

Ademaís, María Victoria foi unha muller formidable en moitos eidos: comprometida coa lingua galega, coa cultura, coa lectura, solidaria coas persoas menos favorecidas, mestra amante do seu labor, pioneira na literatura infantil e xuvenil en galego…

Xa iredes coñecendo todos os detalles da súa vida e obra ao longo destas semanas de investigación e actividades.

Porque, como non podía ser doutro xeito, argallei un bo feixe de cousas chulas para agasallar a unha das nosas autoras favoritas.

Aí van as primeiras:


Maria Victoria Moreno por aquí pasou. Sabedes que MVM estivo no noso cole? Que non me credes? Teño probas!

Unha fermosa adicatoria para nós

Como vedes, borrei a data, porque imos comezar un xogo de investigación.
Cando estivo aquí? Por que? De que falou?
Ummmm. Moitas son as preguntas.
E quen pode contestalas? Pois preguntade na casa, ás familias, ás amizades, ás antigas docentes, a ver quen estaba no cole por esa época e pode darnos datos.

Indagade, husmade e cando teñades algo, traédeo á biblio. Con todos os relatos comporemos unha crónica daquela visita.

María Vitctoria contándome que contenta está de voltar a Vilariño


Certame de Caligramas.

Un caligrama é unha composición poética e un debuxo ao mesmo tempo.  E ambos están relacionados.



Propóñovos que os escribades poñéndovos na pel dun animal. Como se o animal fose o poeta.
Coñecedes ben aos peludos que viven con vós? Que pensades que escribirían se poidesen?
Pois eso é o que tendes que imaxinar e logo escribir.
E por que esta actividade? Porque MVM era unha gran amante dos animais, nomeadamente dos cans.


Pensades que é complicado? Mirade que fermosos caligramas feitos por crianzas coma vós.


Exposición de libros onde os animais son protagonistas.

Lectura e animais, o paraíso para MVM.
Achegádevos a coñecer estas obras e collédeas en préstamo!


E, por suposto, poderedes coñecer as obras de MVM que temos na biblio.


Corre a collelos, que voan!
Que ben o imos pasar!!
Proximamente, falareivos de novas actividades.
Bicos en galego.

ESTRELA