xoves, 22 de novembro de 2018

25 de Novembro. Vilariño contra as violencias machistas


Ola, augamares.

O vindeiro 25 de novembro, como todos os anos, conmemoraremos 

Distintas organizacións, como a Marcha Mundial das Mulleres, e organismos, como o Concello de Cambados, organizan actos reinvindicativos.
Porque as violencias machistas son un grave problema na nosa sociedade ao que temos que poñer solución urxentemente.

No cole de Vilariño, por suposto, queremos formar parte deste movemento, pero... sabemos realmente de que estamos falando? 
Que entendemos por violencia contra as mulleres?

Seguramente, ao pensar sobre o tema, veñan ás nosas mentes novas terroríficas que atopamos nos medios de comunicación.

Entón, se non o vivimos en primeira persoa na nosa familia ou no noso entorno  é doado que pensemos que é un problema terrible, si, pero lonxano.

Pero, desgrazadamente, existen outras formas de violencia que nos arrodean a cotío e que moitas veces nin sequera detectamos.

Porque na nosa sociedade o machismo ten tal raigame que se non nos poñemos a reflexionar sobre el, case pasa desapercibido

Machismo!

Escoitamos esta palabra continuamente.

E nós... sabemos o que significa?
Pois premede aquí, a ver que din as sabias e os sabios da lingua.

Tantos séculos con este pensamento predominante, son complicados de virar.

Pero para iso naceu outra ideoloxía, o feminismo, queredes saber o que é? Pois é doado, premede aquí.

E diredes vós, bah, Estrela, iso do machismo é cousa do pasado.
Agora, por sorte, a nosa sociedade evolucionou e está superado.

Tendes razón, grazas ao movemento feminista e as súas reinvindicacións, moitas cousas foron mudando, pero quedan tantas outras por superar....

Vouvos poñer un exemplo:

Este mes de novembro vimos celebrando o mes da ciencia en galego, vai que si?

E investigamos moito e coñecimos a autores e autoras de referencia, non?

Si?

Estades seguras/os?

Atopades tantas autoras como autores?

Veña, imos facer a proba: dicide, así a correr, 5 homes que pensedes que contribuiron ao desenvolvemento da ciencia.

Vale, moi ben. Vese que prestabades atención.

E mulleres?

Ademais de Marie Curie que a coñecen ata en Plutón... esforzádevos un pouco máis, vai!

Ahhh, que non é tan doado, non?

E por que pensades que vos custa? Será que non as hai?...

Hummm...

E galegas?

- Ai, mimadriña, iso xa é imposible!


Pois aínda que vos soe estraño, acabades de topar outra forma de violencia sobre as mulleres.

Porque violencia non é só cando nos fan dano físico.

Violencia tamén é cando nos apartan, cando nos aldraxan, cando nos silencian, cando din que non somos quen de facer algo, cando deciden por nós.

Violencia é cando nos impiden ser quenes queremos ser e póñennos obstáculos somentes polo feito de ser mullleres, 

Violencia tamén é o silencio consentidor, é mirar para outro lado.
E en Vilariño non  imos facer iso, colaborar co silencio.


Pois nada, como non hai carta sen agasallo ou proposta.....

Aí van os do 25 de novembro.

O agasallo:

Xa que cremos firmemente na educación e a cultura como a mellor arma para construir unha sociedade igualitaria, téñovos preparado un recunchiño no que poderedes topar obras sobre mulleres poderosas e marabillosas que contribuiron a cambiar o mundo.
Tamén historias e contos que nos fan pensar sobre todo este asunto do machismo e o feminismo.


O recuncho feminista da nosa biblio non deixa de medrar. Aquí tendes unha selección de obras sobre científicas.
Pero, se vos fixades, a meirande parte das obras nin están en galego nin tratan sobre científicas galegas.
Ai, rediola! Será Galicia un país sen científicas?

E quen ven sendo esta muller?


Pois haberá que ver que pasa, non?


Si, adiviñastes, aí vai a proposta:

Que vos parece se poñemos luz sobre a vida e o traballo de científicas galegas que contribuiron á evolución do saber e os seu nomes e logros foron silenciados?

Investigade sobre elas, como se chaman, cal é o seu rostro , cal  o seu legado, con que dificultades se toparon.

Cos vosos achádegos comporemos un mural na entrada do cole para honralas.


Vai ser fantástico!


Aquí déixovos uns cantos enlaces para que podades empezar a traballar.


Álbum das mulleres. Consello da Cultura Galega
Axenda feminista. Observatorio da Mariña pola igualdade.
Traballo na USC para visibilizar mulleres científicas na Galipedia.
Científicas galegas. Publicación sindicato STEG para o día da ciencia en galego.

100 mulleres galegas. Xunta de Galicia.


Mentres investigades, podedes debatir na clase e compartir no blog todo aquelo que vos chame a atención.


Só unha cousa máis: onde ides automaticamente cando queredes buscar información de algo?

- Que pregunta, Estrela, á Wikipedia

E lembrades que hai unha wiki en galego, a Galipedia

A cantas das científicas galegas que descubristes podedes atopar nela?

Facemos algo por remedialo?


Bicos feministas

ESTRELA



mércores, 14 de novembro de 2018

Radio Estrela está nas ondas!

Por fin inaguramos a nosa canle de radio en ivoox.

Un comando de axudantes de Estrela,  gravaron o podcast de estrea.

Falaron Noa, Carolina, Simón e Mario. Controlaron a técnica Ainhoa e Sara. Fixérono fenomenal!


Queredes escoitalo? Dádelle ao play!



Pero esto só é o principio.

Subscríbete á nosa canle e goza dos moitos programas que están por vir!

Bicos iniciáticos.

ESTRELA