mércores, 19 de decembro de 2012

O meu buzón en carne e óso

Como sabedes, dende o curso pasado existe un buzón de suxerencias neste blog para que deixedes as vosas aportacións para mellorar a biblio.

Pero un bo día apareceu Rebeca pola porta e soltou: "e que pasa cos nenos e nenas que non temos internet na casa? non poderíamos ter un buzón na biblioteca?".

Pois si, tiña razón.

Pero aquí é moi perigoso ter boas ideas, porque a correr te poñen un bote de alkil nunha man e un de pintura na outra.

Total, que se formou un grupiño de traballo e hala! a poñer en marcha o proxecto.

A primeira parte do proceso foi todo un misterio. Axudantes entrando e saíndo do obradoiro sen soltar prenda. Todos os recreos e tardes. Querían darnos unha sorpresa.
Só nos deixaron ver a última parte do traballo. Como podedes ver pola cara de Alicia, foi moi duro, aburrido e espantoso.
Si, xa sei hai moreas de cables por aí soltos, pero lembrade, ESTAMOS DE REFORMAS!!!
O grupo de traballo, feliz co resultado. Falta Lorena Chaves, que se nos lesionou facendo a saber que trasnadas.
A directora artística do proxecto e o señor inspector de obra. Como son algo tímidos, houbo que insistir moito para que pousaran na foto.

E velaiquí o resultado. Tanto misterio pagou a pena, non?

Xa sabedes, rapazada, estou agardando polas vosas mensaxes!

Bicos suxerentes.

Estrela


Xogo das diferencias

Xa imos notando o efecto PLAMBE.

Notades algunha diferencia?

antes....


agora....

Efectivamente, temos novos ordenadores á vosa disposición no horario da biblio (con acceso a internet)

@s máis avispad@s tamén se decatarían doutro detallel. Claaaaaaaaaro, agora as paredes son azuis!!!. A que mola? 

Bicos cibernéticos azulados.

Estrela


P.D. Señores ladróns: sabemos que andan vostedes entrando nos coles polas noites e levando cousiñas que non son súas.
Se vendo estas fotos se lles poñen os dentes longos, saiban vostedes que roubando nunha escola, están privando aos nenos e nenas de valiosas ferramentas (e non solo polos cartos) para a súa educación.
Vostedes farán bos negocios, pero están empobrecendo á nosa comunidade (que ata pode que sexa a súa).

Ademais, nesta biblioteca temos unha arma de defensa perigosísima.



Puxemos as fotos, sabendo que son moi fortes, solo para que mexen por vostedes do medo. 
Avisados están, señores ladróns!!


PLAMBEEEEEEEEE!!!

Comezamos o curso cunha estupenda noticia, adxudicáronnos o PLAMBE.

Que? que non sabes que é o PLAMBE?
Pois é o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares. Presentamos o noso proxecto e... bingo!, este ano por fin o conseguimos.

E que ten de bo? Pois que supón unha axuda de moitos cartiños para seguir mellorando a nosa biblio.

Mirade, mirade, todo legal. Con garimbo, sinatura e todos os extras.
Pois nada, a traballar!

case chegou o nadal e eu con estes pelos (digoooo escamas)

Ola, peixiños.
Xa case estamos en vacacións de nadal e non publicamos nada no blog este curso. Moi mal, moi mal (xa me botastes a bronca no buzón, con toda a razón).
Pero non creades que foi porque estiveramos lacazaneando, toooooooodo o contrario. Traballamos tanto que non tivemos tempo para sentarnos a escribir.
Hai unha morea de novas (e todas boas!!!).

Non perdades ollo que volas imos ir contando.

mércores, 13 de xuño de 2012

Every body colabora para que a biblio estea guapa!

Estou moi emocionada, porque tod@s as nenas e nenos do cole andan a traballar para convertir a biblio no fondo do mar. E sabedes para que o fan? Para que eu me atope a gustiño e non bote tanto de menos os océanos salgados.


@s de infantil de 4 e 5 anos fan cartaces para que empregar a biblio sexa chupado.


Aínda está sen rematar, pero a que xa ten moi boa pinta?

@s de primeiro e segundo pintan cunchas, algas, anémonas, caracolas... para decorar todos os recunchos. Como estamos agardando a que veñan a pintar a biblio, téñenas expostas nun panel nas súas aulas.

A clase de primeiro posa orgullosa co seu panel

Aquí o vedes con máis detalle
Velaí @s artistas de segundo. Coas ganas que tiñan de sair no blog!!!
Quedoulles tan chulo que non poden deixar de mirar para el.


A clase de cuarto colaborou en moitas tarefas, pero do que máis lles gusta presumir é dos seus peixiños.

Empezaron a traballar con papel e cartón
Silvestre comprobando que todo marcha correctamente
Despois de moito andar a poñer todo perdido coa cola, veu a fase de pintado
E tacháaaaan. Primeiros peixiños rematados.


Agora podédelos ver aboiando na zona d@s lector@s noviñ@s. Como chegaron ai?, preguntaredes. Pois foi o profe Ro empoleirado nunha escaleira altíiiiisma. Non saquei fotos porque tiña as aletas cruzadas para que non rompera os fuciños contra o chan.

Cando xa estiveron colocados, chamamos a uns expertos en arte, clase de infantil de tres e catro anos, para ver se lles gustaban:
@s expert@s deliberando....


Pois parece que si, que lles gustan. Bravo!!!




E ti, xa elixiches o teu peixe favorito??
A que agardas? Vén á biblio!!!



Queres ver máis fotos? pois pincha aquí


martes, 12 de xuño de 2012

Buzón de suxerencias





Ola, rapazada.

Vexo que xa vos animades a facer suxerencias no blog. 
É estupendo!!! 
Polo tanto, puxen unha nova pestana na parte superior da pantalla: O buzón de Estrela (ou sexa, o meu buzón).
Entrade e escribide todas aquelas ideas que credes que mellorarían a biblio.
Veña, esas neuronas a funcionar!!!

Estrela

mércores, 30 de maio de 2012

vento en popa a toda vela!

Como xa rematamos de arrombar a sección de lector@s noviñ@s e estamos enganchad@s ao traballo, puxémonos mans á obra cos libros de información.
Estamos a reorganizalos para poñer xuntos os de cada tema e identificalos cun debuxiño para que nos sexa moito máis sinxelo atopalos e voltalos a poñer logo no seu sitio.
A clase enteiriña de 4º e axudantes doutros cursos nun plisplás remataron a faena.
Agora empezaremos a poñerlles as novas etiquetas.
Vinde a velas á biblio! (e a coller algún libro....)

Mimadriña canto libro!

E eu por onde empezo?

Que ben nos está quedando, Adri!

Todo ben arrombadiño

Cada libro no seu sitio

As Andreas comprobando que todo está en orde

Que non queda sitio nas estanterías?, pois ordenámolos nas mesas, no problem!


Primeiros libros co seu pictograma, que chulos!



Se queres ver máis fotos, picha aquí.


sábado, 7 de abril de 2012

Axudantes

Milagrosamente (tal e como están as cousas), chegounos novo mobiliario para a biblioteca.
Aproveitamos tal acontecemento para reorganizala: crear novos espazos, recolocar os fondos.... un traballiño!
Total, que para facer todas estas cousas o máis rápido e mellor posible, lancei un berro de axuda:



E como non podía ser doutro xeito, á reunión asistiron moreas de rapazas e rapaces, tantos que tivemos que facer quendas de traballo cada recreo!


Vouvos ensinar algunhas fotos para que vexades como curran!


Bieito recortando etiquetas (que guapo, eh?)


Cris, Ana e Lorena colocándoas nos libros


Ummm, onde estás Pacoooooo?


Lorena concentrada no traballo


Cris corta que te corta cinta de pegar


Reorganizando a zona de lector@s noviños


Ti coloca os de Demademora, eu os de Tras os montes....


Marchando...!


Moitas grazas, rapazada, por estar aí cada recreo!!!

Na parte superior do blog, atoparedes un enlace para vós, axudantes.
Alí poderedes ver o calendario de quendas, traballos pendentes, e toda a información que vos interesa.
Ademais, colgarei fotos para que vexades que fermos@s estades cando traballades en equipo.

Estrela

venres, 6 de abril de 2012

De como cheguei ata Vilariño



Agora xa tod@s me coñecedes. Estades acostumad@s a verme pola biblio e atopar a miña estilizada figura en cartaces por todo o cole, pero... para aquel@s que non se lembran e para @s que non viviron momentos tan emocionantes... tachán! 

Imos lembrar como chegaron as miñas escamas de cores ata o cole de Vilariño.


Todo comezou coa chegada dunha misteriosa carta a cada aula do cole...



E vaia se vos puxestes ao traballo. O equipo da biblioteca suou tinta china para elixir aos finalistas.


Aquí védelos expostos trala furna electoral


Cada votante colleu a súa papeleta e alá foi




Houbo quen o tiña claro...




houbo quen o pensou un chisco máis...
Exercendo o dereito a voto

Agora lle toca o turno @s maiores



E chegou o momento do reconto de votos...



que realizou estupendamente o alumnado de primeiro.




Contaron papeletas...



e máis papeletas.


Leron o resultado da acta electoral....

e o público asistente estourou en mostras de alegría!


Esta son eu en versión orixinal, con ceras de cores
E, como todas as grandes estrelas, teño unha versión en Photoshop, feita por unha experta nestes traballiños, a profe Eulàlia




Non podo rematar este post sen darlle os parabéns e as gracias á miña creadora, Mariña Padín, que agora cambiou de aires e xa nos anda polo instituto.

Espero que non perda nunca as súas mañas artísticas!




Un bico, mami!!!


Estrela