mércores, 21 de xuño de 2017

Visita sorpresa

É frecuente que o seu nome saia nas clases de Educación Física. 
Pensamos moito en ela cando vemos este vídeo.


E témola presente non só porque sexa unha grande deportista,  nin porque sexa de Vilariño, nin porque nos guste chulearnos de que a nonseicantas veces campiona de Galicia, España e Subcampeona do mundo de Piragüismo estudara no noso cole.
Falamos moito dela porque é un exemplo para tod@s nós de como con esforzo podes chegar tan lonxe como soñes.

E de como podes chegar tan lonxe como soñes e seguir sendo unha persoa estupenda.

O seu camiño non é doado. 
Practica un deporte minoritario (no que Galicia é toda unha potencia, por certo), e elixíu unha especialidade, a canoa, vetada ás mulleres ata hai ben pouco (será olímpica por primeira vez en Tokio 2020).

Pero aí está: comezou dando as súas primeiras paladas no Umia e agora vive en Sevilla, concentrada coa selección española.

De quen falamos???
De quen vai ser?: de María Pérez Aragunde, a nosa María.

María na súa canoa. Remando cara Tokio.

Medalla de prata no mundial!!!

Moitas veces pedímoslle que viñera a visitarnos, pero co seu plan de adestramento é complicado. Cando nós estamos no cole ela está paleando Guadalquivir arriba, Guadalquivir abaixo.

Imaxinade que marabillosa sorpresa cando a vin entrar pola porta.
- Ola profe!
- María, que fas aqui??? Como non avisaches!!! Queríamos facerche unha entrevista, unha homenaxe, un.... unha... que sei eu! Un monumento!!!!
- Vin pasar uns días a casa e vin saudar antes de ir adestrar. 
- 💗

Ese é o prezo: non parar.

E María, a campiona, a nosa María, estivo falando cos nenos e nenas de 5º.


- E que tal é vivir en Sevilla? Moita calor?
- Bufff, adestramos moi cedo pola mañá e cando cae o sol. Pola tarde non saio da habitación e quedo alí lendo.
- Como levas os estudos?
- Vou ao instituto en réxime semipresencial, teño que estudar moito, pero van moi ben.
- Pensaches que queres estudar?
- Enxeñería aeroespacial ou enfermería
(e digo eu que pode ser unha enfermeira no espazo...) 😜

- Cales son os teus próximos retos deportivos?
- O máis importante, pasar os selectivos para a olimpiada de Tokio.

(Olimpiada de Tokio..... todo o que eu aspirei a ser olímpica na vida foi participar como voluntaria en Barcelona 92...)

- Tés axuda económica para vivir alá, adestrar e competir?
-  A federación paga estancia e comida. O resto, os meus pais. Apóianme totalmente. Miña nai non tiña claro o de que marchara tan lonxe... pero agora veme feliz e está contenta.
Nalgunhas competicións, a federación paga os desplazamentos, noutras son as propias deportistas quenes deben facer fronte a todos os gastos.
- Como te sintes cando compites?
- Ao principio púñame moi nerviosa, agora disfruto moito.
- Sabes que no cole seguimos os teus pasos e estamos moi orgullos@s de ti?
- 😊

Foi moito máis longa e interesante a conversa, pero pillounos tan de sorpresa que nin gravamos nada. E eso que o equipo técnico de 2º sempre está alerta!!!

Xa a pillaremos con máis tempo....


Logo baixou ao ximnasio, onde xogou mil veces durante os anos que estivo en Vilariño.
Por facer unha broma, presenteina como unha nova profe de Educación Física, e ela meteuse rapidamente no papel. E de paso, meteu a tod@s @s nen@s de 1º no peto.

Profe Bea, podes xubilarte tranquila. Quedamos en boas mans.

Cando contamos a verdade, María respondeu pacientemente a unha nova rolda de prensa.

Que queredes empezar a piragüear? Pois tendes clubes en Ribadumia, Cambados, a Arousa... Será por oportunidades!


Xogou con nós unha partida de brilé
  
 Se é María quen me brila.... eu ata me deixo!

E antes de marchar a adestrar (en bici) tirou unhas fotos con nós.


Velliñas, novas e noviñas xeracións de Vilariño


O venres voará de novo a Sevilla (que para a bici queda un chisquiño lonxe). E seguirá Guadalquivir arriba, Guadalquivir abaixo. 
Cada día.
Entre catro e sete horas cada xornada.
E chegará a Tokio. 
E choraremos de emoción véndoa no podio.
Ou pode que nada deso pase......
Sexa o que sexa.... queréremola e seguiremos os seus pasos.
Porque é María Pérez Aragunde (quedádevos con ese nome).
A NOSA María.


Orgullosísima, sempre, do noso alumnado:
A profe Bea








martes, 20 de xuño de 2017

Unha viaxe no tempo

O pasado xoves 15 o grupo de 5º saíu de viaxe.
E diredes vós: menuda nova para saír no blog!. Case tódolos días hai un grupo que marcha de excursión!
Aaaamig@s, unha cousa é saír do cole e coller un bus, un coche, un avión, unha bici... mesmo saír a pé. Pero estes nenos e nenas non fan nunca as cousas así de calquera maneira (non vos lembrades a que liaron para darnos de merendar?)

Total, que decidiron facer unha viaxe no tempo. Metéronse no faiado e con toda a cacharrada que atoparon (a que non deron vendido na súa feira 35) montaron un trebello que ríete ti do Delorean de Regreso ao futuro

Cuns parafusos por aquí, uns flexos de proxector vello por alá, unhas chapas de ordenadores fundidos e unhas cantas mans de témpera..... tachán!

O autobús do tempo agardando pol@s viaxeir@s no patio cuberto.

Saíron pola mañá cedo. Ao final accederon en levar ao profe Fernando,  que levaba toda a semana dando a matraca para que o deixaran viaxar con eles.
- Vaaaaale. Podes vir. Pero compórtate, eh? Non nos deixes quedar mal.
(a verdade é que o deixaron ir porque era o único que tiña carné de conducir)

- Estupendo, chic@s! xa estamos todos a bordo. Onde imos?
- Ah, pois.... vaia. Non pensaramos niso!!.... Pois tira....tira para o principio de todo. Pon rumbo á preshistoria!!!.
- En marcha!

E alá partiron.

Mirade que vídeo máis xeitoso fixeron:

Bicos viaxeiros:
ESTRELA



luns, 19 de xuño de 2017

Beatlemanía en Vilariño

Disque hai unha vaga de calor. Os corpos requéntanse e precisan dun refresco, dun polo de limón, dunha sombriña aireada, dunha garroíña suave, dun chapuzón no océano (nas piscinas non, que hai sequía. Aforremos auga).
Cando o noso organismo aumenta de temperatura perigosamente dicimos que temos febre. Un dos seus síntomas son os delirios.
Que non entendedes nada? Agora mesmo poño un exemplo e vai quedar clariño de todo.

Como está rematando o curso e estamos preparando o último día, co gallo do 50º aniversario do álbum Sgt. Peppers de The Beatles, a alguén se lle ocurríu a tola idea de facer unha festa temática. Outra seguíulle o rollo e dixo 
- Pois montamos un karaoke.
- Ah, un karaoke, si. Os Beatles cantan en inglés. A única que daba o pego falando en inglés era Nina e xa está de volta en Boston.
- Pois será cousa de ensaiar.
- Ensaiar? Estamos en fin de curso. A miña vida non é a túa. Teño que preparar avaliacións, rematar tarefas, facer memorias, sacar a pasear á cadela, darlle de comer aos fillos. O día ten 24 horas!!
- Muller, todo é organizarse. Podes cantar mentres fas todo eso.
- Ti toleaches.
- Ah, que dis que non es capaz....
- ...

(nunca lle digas a unha profe que non é capaz de algo....)

Xa vedes: as altas temperaturas + Beatles sonando a todo trapo a todas horas polo cole + retar a unha profe = a febre beatlemaníaca invadíu Vilariño.

Non hai ninguén que non estea preparando unha canción para o karaoke do venres.
É xenial!



Non rías.... ti tamén estás invitad@.
Bule a elixir a túa canción!!!

Bicatles
ESTRELA



mércores, 7 de xuño de 2017

Proxecto comedor: e así foi o grande día.

Hoxe foi un grande día (outro!) no cole de Vilariño (ultimamente dame a sensación de que non paro de dicir esa frase).

A clase de segundo presentou ao mundo mundial a súa fotonovela "Investigación en Gondomar", que conta todos os detalles do seu PROXECTO COMEDOR.

Sendo como son investigador@s de fama universal, poderían ter escollido calquera recuncho do planeta para este evento. Pero el@s, por sorte, elixiron a nosa biblio. (Si, xa sei, moitos escolleriades o Bernabeu ou o Nou Camp, pero alí non se estilan moito este tipo de actos...)

Para min e para as miñas axudantes era unha responsabilidade moi grande, nada podía fallar: el@s pasaron meses investigando e outros tantos redactando o seu proxecto e preparando a súa presentación. A organización tiña que ser perfecta!

Preparamos o espazo, os medios técnicos....


Mesa, pantalla, carteis e expositores? Listo!

Micros, altavoces e ordenador? Preparado!

Cámara?? Ready!!

Por fin chegou o día D e a hora H.
A biblioteca estaba de bote en bote, chea de público ansioso por ver cos seus propios ollos e escoitar coas súas propias orellas a estas fontes de sabiduría.

E que pasou? que como diría o noso amigo Murphy, se algo pode saír mal, probablemente saia mal.
Os micros acopláronse, a gravadora caeu... pero a exposición foi memorable.

As nenas e nenos de segundo non necesitan de toda esa cacharrada para ser brillantes.

Explicaron polo miúdo todas as súas actividades, as súas conclusións e a maneira na que contribuiron a mellorar o comedor, e con eso o cole e con eso....... e con eso.... o universo enteiro!

Aínda estamos procesando as fotos e os vídeos para publicalos con xeito, pero aí vai un adianto:


Atentísim@s ás preguntas

Na biblio non cabía unha palla


E aquí tendes tamén un agasallo:




Bicos, moitos bicos

ESTRELA 

martes, 6 de xuño de 2017

luns, 5 de xuño de 2017

American Day in Vilariño

Está mal que o diga eu, pero en Vilariño temos unha chea de cualidades estupendas. 
Somos riquiñ@s, somos cariños@s, somos agradecid@s e tamén... coido que quedou demostrado curso tras curso, somos bastante comedoriñ@s.

Total que, como xa contamos na entrada anterior, o curso remata, Nina marcha e nós queríamos amosarlle o noso cariño e agradecemento,  que naceron e foron medrando entre chorretóns de pintura na roupa e mans pringadas de pegamento.

E o alumnado de quinto empezou a argallar:

- E como podemos facer unha celebración xeitosa para despedila como ela merece?
- Pois celebramos o día de USA.
- Eso xa existe e é o 4 de xullo. Estamos en xuño.
- E que máis dá, celebrámolo agora, que con Boston hai moita diferencia horaria. Máis ou menos debe cadrar ben. 
- Ah, pois estupendo. E que facemos?
- Como que que facemos? Que imos facer? Unha comilona!!!!
- Guau, que boa idea, non se como non se me ocurríu a min!!

Aquí @s tendes, tramando un plan ao abeiro dun liquidámbar


Se hai algo que tamén temos en Vilariño é que nos gusta facer as cousas ben organizadiñas. Comilona si, pero con sentidiño.
Había que trazar un plan: liaron ao armadanzas do profe Fernando, que enseguida se sumou ao asunto e, de paso, tamén á teacher Carmen.

Decidiron facer hamburguesas para todo o cole... pero non de calquera xeito.
Aplicaron todos os seus coñecementos aprendidos ao longo do curso sobre os grupos de alimentos e a alimentación saudable. 
Tamén contaron coa axuda doutros grupos: sexto faloulles das alerxias e intolerancias alimentarias e segundo sobre a importancia das medidas de hixiene á hora de cociñar.

En sexto investigaron sobre a presencia de alerxias e intolerancias alimentarias no cole e tiñan un bo dossier de información para compartir.

Segundo ensinoulles o que investigaran no cátering e as medidas de hixiene e seguridade alimentaria que alí tomaban.

Tamén descubriron que hai persoas no cole que elixen outro tipo de dietas, por saúde ou por ideoloxía: 
  • Dieta vexetariana: sen carne, pero con outros productos de orixe animal: leite, ovos...
  • Dieta vegana: sen nengún producto de orixe animal.
Con toda esa información elaboraron diferentes menús para que cada neno, nena e profe do cole poidera elexir según as súas necesidades e preferencias.

Un exemplo dos menús: ingredientes, nutrintes, alérxenos.... Pictogramas para que podan entendelo tod@s as usuari@s. Profesional!

Que foi o seguinte? Facer a lista da compra e achegarse ao súper. El@s nos asuntos de administrar e orzamentar son uns expert@s, non en van foron os encargados da financiación do PROXECTO COMEDOR.



Xa estaba todo listo para o grande día: o primeiro American Day de Vilariño.

Queredes ver como foi?

pois premede aquí e disfrutade.

Bo proveito!

Noraboa, profes e nen@s. Bo traballo. Un día (outro!) para lembrar.

ESTRELA



xoves, 1 de xuño de 2017

Bye, Nina!!

O curso está rematando e as cousas boas van chegando ao seu fin.
Nina, a nosa auxiliar de lingua inglesa está a piques de marchar e nós quixemos despedila con moito cariño, como ela merece.

Celebramos un acto no que lembramos todas as actividades lindas que fixemos con Nina e o resto do profesorado de arts: Alberto, Carmen e Cruz.
E visionamos este vídeo tan fermoso:


Disfrutádeo.

Ata sempre, Nina. Agardamos que te sentiras a gusto entre nós.