martes, 15 de maio de 2018

Letras Galegas 2018. Canto queremos a Maria Victoria Moreno.


Vilariño 10 de maio de 2018

Ola orelliñas de mar!!

Que contenta estou! As miñas escamas relocen de felicidade!!

Xa arrecende a Día das Letras Galegas!!

Todos os anos é unha ledicia celebrar a nosa literatura, pero este ano.. este ano… é tan especial!

Por que?

Porque é o ano de María Victoria Moreno!!!!!

Viva! Viva! Viva!

Son moitos os motivos para aledarse: por fin a Real Academia decide homenaxear a unha muller! Só catro foron as elixidas en cincuenta e oito anos. Non vos parece unha barbaridade??

Ademaís, María Victoria foi unha muller formidable en moitos eidos: comprometida coa lingua galega, coa cultura, coa lectura, solidaria coas persoas menos favorecidas, mestra amante do seu labor, pioneira na literatura infantil e xuvenil en galego…

Xa iredes coñecendo todos os detalles da súa vida e obra ao longo destas semanas de investigación e actividades.

Porque, como non podía ser doutro xeito, argallei un bo feixe de cousas chulas para agasallar a unha das nosas autoras favoritas.

Aí van as primeiras:


Maria Victoria Moreno por aquí pasou. Sabedes que MVM estivo no noso cole? Que non me credes? Teño probas!

Unha fermosa adicatoria para nós

Como vedes, borrei a data, porque imos comezar un xogo de investigación.
Cando estivo aquí? Por que? De que falou?
Ummmm. Moitas son as preguntas.
E quen pode contestalas? Pois preguntade na casa, ás familias, ás amizades, ás antigas docentes, a ver quen estaba no cole por esa época e pode darnos datos.

Indagade, husmade e cando teñades algo, traédeo á biblio. Con todos os relatos comporemos unha crónica daquela visita.

María Vitctoria contándome que contenta está de voltar a Vilariño


Certame de Caligramas.

Un caligrama é unha composición poética e un debuxo ao mesmo tempo.  E ambos están relacionados.



Propóñovos que os escribades poñéndovos na pel dun animal. Como se o animal fose o poeta.
Coñecedes ben aos peludos que viven con vós? Que pensades que escribirían se poidesen?
Pois eso é o que tendes que imaxinar e logo escribir.
E por que esta actividade? Porque MVM era unha gran amante dos animais, nomeadamente dos cans.


Pensades que é complicado? Mirade que fermosos caligramas feitos por crianzas coma vós.


Exposición de libros onde os animais son protagonistas.

Lectura e animais, o paraíso para MVM.
Achegádevos a coñecer estas obras e collédeas en préstamo!


E, por suposto, poderedes coñecer as obras de MVM que temos na biblio.


Corre a collelos, que voan!
Que ben o imos pasar!!
Proximamente, falareivos de novas actividades.
Bicos en galego.

ESTRELA

3 comentarios:

  1. Cal será a data?Eu queroa saber

    ResponderEliminar
  2. A min me guusta Maria Victoria Moreno
    A quen lle gusta Maria Victoria Moreno

    ResponderEliminar