martes, 7 de maio de 2019

O padriño veu traernos a rosca.

Ola, augamares.

A pasada semana veu visitarnos de novo o noso padriño radiofónico, Javier Prado.

Que alegría sempre recibilo!!

Como sabedes Javier é culpable da nosa radiomanía.

Dende a primeira vez que veu á nosa biblio cos seus tranganillos electrónicos e coas súas fantásticas ideas, xa estivemos perdidiñ@s. Non paramos ata poñer en marcha Radio Estrela!!

Dende aquela, voltou de cando en vez a ver como ía o asunto e a axudarnos ás profes en todo o que necesitamos.

Pero nesta ocasión foi co alumnado de cuarto con quen traballou. E non viña só. Acompañábao Cristina Corral, poeta e xornalista, que sabe todos os trucos para facer boa radio.

Ademais, xunto con Javier e Luís forma REDE ESPORA.

Fixeron exercicios coa voz, falaron de como funciona unha radio a través de internet e, cando xa estaba en marcha a cousa, Javier propúxolles un reto:

Cada grupo debía producir un programa de pé a pá antes de que rematara a xornada.

E como as nenas e nenos de cuarto non lle teñen medo a nada, alá se puxeron.

Título e estrutura do programa, sintonía,  investigación, guión, escaleta, reparto de roles, gravación e edición. Sen tempo para tomar folgos.

Retos a nós!, dixeron chulit@s . Se ata nos sobrou tempo!

Aquí tendes unha fotos da produtiva xornada.







Bicos afillados

ESTRELA


Leme, profe 2019. Poesía e máis poesía.

Que día do libro nin que día do libro!!

O libro merece, cando menos, unha semaniña enteira!!

Por iso, este ano reeditamos unha das nosas actividades favoritas: leme, profe.

De novo todo o cole voltou saír ao patio, desta volta para compartir poesía.

@s prof@s prepararon recitais poéticos para as nenas e nenos.

Pero a rapazada pronto se rebelou. Tamén querían recitar!!!

E así pasamos unhas horas de ler moi especiais.






Xa nos tarda unha nova edición!

Bicos rapsodas.

ESTRELA

Visitounos a cociñeira Rocío Garrído.

O pasado mércores 24 de abril a cociñeira Rocío Garrido Caramés visitou o noso colexio para facer un obradoiro co alumnado de Infantil.

Dende primeira hora da mañá os corredores do cole eran un ir e vir de arrecendos deliciosos.

A xornada comezou cunha cata a cegas. 

As nenas e nenos tiveron que adiviñar cos ollos tapados de que alimentos se trataban.

Será chocolate? Será brócoli?

A continuación fixeron unhas trufas de chocolate. 


Hummmm. Para chuchar nos dedos!

Vós tamén podedes facelas, porque a receita está recollida no libro "Receitas pequerrechas", da nosa ilustre invitada (si, siiiii, está na nosa biblio).

E por último, Andrés, Estela e Laura, xornalistas infantís, fixéronlle unha entrevista en Radio Estrela.

Noraboa, berberech@s, que interesante!

Non podedes perdela!



Bicos ghulicheiros.

ESTRELA