martes, 23 de abril de 2019

Día do libro 2019. Atención, booktubers... recuncamos!!

Ola marraxiñ@s.

E chegou o día. E chegou a romaría.

Que pasa de importante o 23 de abril?

Pois que é o día do libro, claro que si! 

E para celebralo, e despois do éxito boureante do noso 


concurso de booktubers 

do ano pasado, pois non me queda outro remedio que convocar a 


II edición.

Imos aló!

Para animarvos, inspirarvos e darvos pulo, invítovos a que entredes de novo na páxina onde están aloxados os vídeos finalistas da I edición.

Son fantásticos e encheranvos de enerxía creadora.

Premede no logo para velos.




Agora que as ideas xa vos rebulen no miolo, imos ver as 


BASES DO CONCURSO

1. Podedes voltar a participar todos os nenos e nenas de Infantil e Primaria do cole, e agora tamén as familias e profes!.

2. Os vídeos deberán feitos en galego.

3. A participación é voluntaria e pode ser individual ou por parellas.

4. Os libros que presentedes poden ser de calquera temática e formato (narrativa, poesía, banda deseñada, divulgativos...) orientados ao público infantil e xuvenil.

5. Podedes gravar o vídeo...
  • na casa (ou no parque, na praia, no voso recuncho favorito....) cun teléfono móbil, tablet, cámara... e coa colaboración da familia e amig@s.
  • na biblio. Aquí teredes á vosa disposición todo o necesario para facelo. Achegádevos no recreo, polas tardes ou no horario do equipo da biblio (poremos unha copia en cada clase para que saibades cando podedes baixar).
  • Na aula, se as profes desexan propoñer esta actividade.

6. Cada participante pode presentar un máximo de dous vídeos.

7. Os vídeos durarán como máximo tres minutos.

8. Cando o teñades listo, debedes mandalo ao enderezo electrónico abibliodeestrela@gmail.com ou entregalo na biblio nun pendrive.

9. O prazo para envialos comeza o día 24 de abril e remata o 31 de maio.

10. Os vídeos máis xeitosos serán publicados no blog.



Para rematar, recórdovos uns trucos para que vos saia unha obra mestra:
  • Elixide o libro sobre o que querede falar.
  • Decidide o que ides dicir antes de empezar a gravar. Axudaravos se preparades un pequeno guión.
  • Comezade presentándovos: dicide o voso nome, idade e curso.
  • Logo presentade o libro: o título, a autoría e aqueles datos que consideredes importantes. Se é un libro da biblio, indicade onde podemos topalo.
  • Contade un pouco de que se trata. Pero ollo! Non digades demasiado para non desvelar toda a historia.
  • Faládenos dos personaxes e explicádenos cales son os vosos favoritos, os que vos gustan menos, os máis curiosos.... e por que.
  • Agora é o momento de que nos deades a vosa opinión sobre o libro.
  • Rematade indicando para que tipo de lector/a o recomendaríades (idade, gustos....)
  • Non esquezas darlle o voso toque persoal. Sede naturais, con eso non podedes fallar.
  • Lembrade mirar a cámara e falar con calma e claridade.
Veña. Estou ansiosa por recibir os vosos vídeos!!!!!

Bicos booktubeiros.

ESTRELA

sábado, 20 de abril de 2019

Como (raio) é isto de facer un programa de radio.

- Ou sexa que agora andades a voltas coa andrómena esa da radio...

- Pois si, claro que si. Pasámolo bomba e aprendemos unha morea de cousas.

- Unha morea de cousas falando pola radio? Non sei eu...

- Pero ti que pensas, que facer un programa é poñerse diante do micro e dicir calquera cousa, así, ás tolas?

- Pois non sei, nunca fixen un, pero dáme que isto da radio é un pouco trapallada.

- Ai, si! Para falar, primeiro tés que saber o que vas a dicir: investigar sobre o tema do programa, redactar un guión, facer unha escaleta.

-Ah, bueno, visto así...

- E despois tés que falar con claridade, a unha velocidade axeitada, entonando... non che é unha broma!

-Ah, tampouco pensara niso...

- Pois para que termines de convencerte, mira este vídeo sobre a gravación dos cinco capítulos de "Pequenos xestos, grandes logros", o programa sobre consellos para coidar o medio ambiente que fixo a rapazada de cuarto, no seu proxecto de ciencias.

Aí che vai!


Xa me contarás se o tema da radio da biblio de Vilariño é unha andrómena ou unha idea macanuda!

E se queres escoitalos.... entra en Radio Estrela!


 



Bicos logrados


ESTRELA

venres, 19 de abril de 2019

A delincuencia organizada ameaza a Horta de Vilariño.

Así como ledes, caramuxiñ@s.

A sona que está acadando a Horta de Vilariño tenvos as súas cousas boas, pero tamén tráenos algunha que outra rompedura de cabeza.

Atraíd@s pola calidade dos nosos produtos ecolóxicos, delincuentes de distintas bandas organizadas axexan agardando o mellor momento para atacar e papalos sen deixar nin a probiña.

Pero non vos preocupedes, o alumnado de terceiro tenos ben fichados. Menud@s son est@s raparig@s. Non se lles escapa unha!

Queredes ver as fichas?

Pois entrade en EcoVilariño premendo na imaxe!

Alí téndelas todas!



Bicos organizados


ESTRELA

Mes da ilustración. E así foi

Xaneiro é o mes adicado á ilustración e ás/ós ilustradoras/es.

Este ano na biblio quixemos celebralo por todo o alto invitando a catro artistas a visitarnos.

Como xa vai sendo norma este curso, máis que ser en xaneiro... foi un pouco cando lle cadrou, pero que máis dá!

As persoas que ilustran fannos gozar tanto co seu traballo que ben merecen ser celebradas o ano enteiro!

Moito proveito tiramos das súas visitas. 

Xa temos unha boa canteira á vista.

Mirade, mirade.
María, de 3º, fixo este dragón. Cal dos nosos visitantes inspiraríaa máis?

Ademáis, o alumnado de terceiro fixo unha crónica chulísima de ver e de ler de cada unha das visitas.

Queredes comprobar que non esaxero?

Pois pinchade na imaxe e abraiádevos.


Xa iremos contando máis cousas do que deron de si as visitas.

Bicos ilustrados.

ESTRELA

xoves, 11 de abril de 2019

EcoVilariño, a web que coida do noso... para coidar o de todas e todos.


Ola, caramechiñas.

Xa temos en marcha a Web do proxecto


COIDAMOS DO NOSO... PARA COIDAR O DE TODAS E TODOS



Nela atoparedes o froito das nosas investigacións sobre a horta, as árbores do patio, a compostaxe, a reciclaxe, o aforro de enerxía...

Calendario agrícola elaborado coa axuda das familias de 3º e 4º para que saibades cando baixar o lombo para obter as vosas hortalizas favoritas
  
Tamén atoparedes fichas sobre cada produto.

O alumnado de 4º, expert@s composteir@s, explícannos todos os seus segredos.

Xa temos moitos contidos e irémolos ampliando.

Entrade e fedellade! Pasarásevos o tempo voando e aprenderedes unha morea de cousas interesantes!

Só tendes que premer neste enlace, que tamén atoparedes no lateral dereito do blog.

Ecobicos,


ESTRELA

venres, 5 de abril de 2019

Boletín express: "As ovellas atacan a horta de Vilariño"

        Un suceso inesperado deixa ao alumnado do cole conmocionado... se queres saber a razón, pica na imaxe para abrir a ligazón.