luns, 23 de abril de 2018

Día do libro 2018: Leme, profe


Vilariño, 23 de abril de 2018
Ola, anemoniñas lectoras:

Por fin chegou! Hoxe é o día do libro!!

Que tal van eses vídeos? Que saibades que xa recibimos os primeiros na biblio e están de marabilla!!

O concurso vai ter un grande nivel!!!

Hoxe escríbovos para falarvos da seguinte actividade festeira:
“Leme, profe”.

Veredes: cada día, despois do recreo,  @s profes lerán para vós libros fermosísimos en distintos recunchos do cole (dentro e fóra do edificio).

E como imos organizarnos?
Pois moi chupado:

1.       No hall de entrada do cole colocaremos un panel cheo de fichas como esta:


En cada ficha atoparedes a seguinte información:
·        @ profe lector/a.
·        Que obra vai ler.
·        Onde vai facelo.

E un pouco máis abaixo, un ocos onde podedes apuntarvos para ir escoital@s.

2.       Vós mirades ben todas as opcións que tendes para a vosa idade, escolledes a que máis vos preste e anotades o voso nome e curso.

Só podedes apuntarvos a unha lista!!!

Hai  dez prazas por profe!!! Bulide para non quedarvos sen ela!!!

3.       Poderedes anotarvos mañá martes no recreo.

4.       Empezaremos as lecturas o xoves 26 de abril e remataremos o venres 4 de maio.

Cada día, ao rematar o recreo, iredes ao voso recuncho para gozar da lectura compartida.

Bicos lectores.

ESTRELA

venres, 20 de abril de 2018

Día do libro 2018. Concurso de booktubers


Ola luriñas.
Como ben sabedes o luns é un dos días máis importantes do ano.
O 23 de abril celébrase o día do libro, ou sexa que na nosa biblio é festa rachada. Non podía ser doutro xeito!

E para festexalo por todo o alto, teño preparada tremendas sorpresas para vós.

Polo de agora, só vou falar da primeira:

Imos facer un concurso de booktubers!!

- Que dixo?
- Que imos facer iogures!!
- E que terá que ver unha cousa coa outra?

Que noooooon, deixade de enredar e atendede:

@s booktubers son persoas ás que lle encanta a lectura e gozan recomendando libros e compartindo a súa opinión sobre eles.

Para eso gravan vídeos e súbenos ás redes sociais.

Así,  resto de usuarias podemos coñecer máis estas obras e orientarnos á hora de elixir as nosas vindeiras lecturas.

Calquera persoa pode facelo, dende nenos e nenas de infantil ata os avós e avoas.

Mirade algúns exemplos do que atopamos na rede:














A que o fan xenial @s amig@s da escola de Milladoiro de Malpica?


Pois agora que xa sabedes no que consiste, imos coas


BASES DO CONCURSO

  1. Poden participar todos os nenos e nenas de Infantil e Primaria do cole.
  2. A participación é voluntaria e pode ser individual ou por parellas.
  3. Podedes gravar o vídeo na vosa casa (ou no parque, na praia, no teu recuncho favorito....) cun teléfono móbil, tablet, cámara... e coa colaboración da familia e amig@s.
  4. Se o preferides, gravádeo na biblio. Aquí teredes á vosa disposición todo o necesario para facelo. Achegádevos no recreo, polas tardes ou no horario do equipo da biblio (poremos unha copia en cada clase para que saibades cando podedes baixar).
    1. @s profes tamén poden propoñer esta actividade na aula se así o desexan.
    2. Cada alumn@ pode presentar un máximo de dous vídeos.
    3. Os vídeos durarán como máximo dous minutos.
    4. Cando o teñades listo, debedes mandalo ao enderezo electrónico abibliodeestrela@gmail.com ou entregalo na biblio nun pincho.
    5. O prazo para envialos comeza o día 23 de abril e remata o 4 de maio.
    6. Os vídeos máis xeitosos serán publicados no blog.

    E agora, vouvos dar unhas recomendacións para que vos saia unha obra mestra:
    • Elixide o libro sobre o que querede falar.
    • Decidide o que ides dicir antes de empezar a gravar. Axudaravos se preparades un pequeno guión.
    • Comezade presentándovos: dicide o voso nome, idade e curso.
    • Logo presentade o libro: o título, a autoría e aqueles datos que consideredes importantes
    • Contade un pouco de que se trata. Pero ollo! Non digades demasiado para non desvelar toda a historia.
    • Faládenos dos personaxes e explicádenos cales son os vosos favoritos, os que vos gustan menos, os máis curiosos.... e por que.
    • Agora é o momento de que nos deades a vosa opinión sobre o libro.
    • Rematade indicando para que tipo de lector/a o recomendaríades (idade, gustos....)
    • Non esquezas darlle o voso toque persoal. Sede naturais, con eso non podedes fallar.
    • Lembrade mirar a cámara e falar con calma e claridade.
    Veña. Estou ansiosa por recibir os vosos vídeos!!!!!

    Bicos booktubeiros.

    ESTRELA



    mércores, 7 de marzo de 2018

    8 de marzo. EU TAMÉN PARO

    Este xoves, 8 de Marzo secundamos a folga feminista e saímos á rúa para reinvindicar os nosos dereitos.

    Dalle a volta ao teu mandil! Vémonos alí!!

    ESTRELA